Tuesday 07 de May de 2024

Nava Castro comparte con futuros profesionais os avances da Xunta cunha xestión turística planificada cara o Xacobeo 2021


A directora de Turismo de Galicia impartiu hoxe unha conferencia para os alumnos da Escola Universitaria de Turismo da Coruña
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, impartiu hoxe unha clase para os alumnos do Grao en Turismo da Escola Universitaria de Turismo da Coruña na que compartiu con todos eles os avances da Xunta na súa xestión turística ata ser quen de facer que Galicia estea a liderar o crecemento turístico de España. A súa participación nesta xornada formativa dá continuidade un ano máis ao compromiso do Goberno autonómico por reforzar a concienciación e sensibilización entre as novas xeracións ao redor da importancia presente e futura da actividade turística.

Durante a sesión, Nava Castro detívose nas claves da xestión turística da Xunta referíndose á importancia de contar cun sector turístico formado e actualizado. Tamén se referiu á planificación, poñendo como exemplo o traballo que se está levando a cabo para a preparación do Xacobeo 2021, cando onte mesmo se presentaron os primeiros avances da programación con máis 180 proxectos onde se inclúen máis de 7.000 actividades.

Folla de ruta
Tamén fixo mención ás diferentes follas de ruta coas que conta o Goberno galego para ordenar de xeito eficaz diferentes sectores, como a recentemente presentada estratexia Galicia Sabe, que impulsa o turismo enogastronómico e do que xa se conta coas primeiras medidas como o mapa de valor con máis de 2000 recursos da cadea de valor identificados ou o itinerario piloto da ruta do Queixo e do Mel pola provincia de Lugo.

Como cada ano, a clase serviu, ademais, para que a directora de Turismo puidese debater cos futuros profesionais do sector ao redor dos desafíos e oportunidades do presente e futuro turísticos da Comunidade. Esta xornada formativa converteuse tamén en punto de encontro para escoitar e poñer sobre a mesa as demandas e necesidades dos estudantes participantes.